Actividades

Desde o nacemento da Asociación, o COLECTIVO DANZÓN realizou diversas actividades, a maioria relacionadas co baile, imos facer un percorrido por todas elas posto que non se explicaría a existencia do COLECTIVO se non se fixesen as mesmas.

Xoves da Quintana

A primeira Actividade que realizamos e coa que nos demos a coñecer universalmente foi “Os xoves da Quintana”. A actividade consiste en realizar o derradeiro xoves de cada mes un baile aberto ao publico no que o COLECTIVO DANZÓN pon monitores de baile a disposición dos asistentes para que fagan as consultas que consideren. É un baile participativo e de animación que se empezou adicando de modo monográfico a bailes concretos: Valse, Tango, Pasodobre,..., e que posteriormente xa se fixo combinando distintos estilos de baile. Esta actividade ten como eslogan a frase “Ven bailar”, o que a fai facilmente recoñecible.

Antroido

Unha actividade totalmente arraigada na Asociación, é a participacion no Entroido, realizando ano tras ano comparsas que trataron diversos temas “Percorrido polos bailes de América, dos tangos até o foxtrot, pasando pola salsa, samba, etc". foi a primeira.

Logo viñeron outras comparsas: “Danzón Clube”, “charlestón”, "As margaridas de primavera". Pero o éxito total chegou coas carrozas “O Muiño Ruxe” (ano 2004) baseada no filme “Le Moulin Rouge” e con “Mary Poppins cumpre corenta” baseada na película “Mary Poppins” (ano 2005). Con estas carrozas acadamos diversos premios nas localidades nas que participamos (A Coruña, Pontevedra, Negreira, Santiago, Padrón) sendo para nós os máis relevantes os primeiros premios en Santiago de Compostela gañados por ambas. Todo esta atracción polo Entroido xorde coa primeira instalación que fai o Colectivo Danzon no ano 1995 na Praza do Toural, consistente nunha caixa de musica da que saen as parellas de baile cada vez que soa unha melodía. Desde ese momento temos en Danzon unha mascota á que chamamos “Patricia” e que poderedes ver na galería da nosa web.

Bailes dos venres

Durante varios anos estivemos organizando bailes abertos a todas as academias, que se celebraban os venres para que os alumnos tivesen un lugar onde practicar. Nestes bailes soaba todo tipo de músicas relacionadas coas aprendizaxes que se realizaban nas academias. Ademais periodicamente organizábanse festas como Nadal, Fin de Ano, Entroido, Fin de curso (onde se sumaba o aliciente de poder ver algunha actuación, xa fose de profesores externos, xa do grupo de exhibición do COLECTIVO DANZÓN). Podemos citar como actuacións estelares, as de Pablo Ojeda e Beatriz Romero (Tango), a de Lluis e Carmen (Lindy Hop), a de Joao Paulo e Teresa (Baile de salón). Hai que citar aquí a inestimable colaboración das discotecas Liberty, Casting e Century. Nesta última o que se celebraban eran Milongas (sesións onde se baila Tango Arxentino) posto que o COLECTIVO DE BAILE DANZÓN está especializado nesta disciplina de baile. Ademais organizamos Festas no Café Casino nas que se entregaba aos asistentes algunha prenda de vestiario relacionada co tipo de baile ao que se dedicaba a festa.

Comando Danzón

Seguindo coas actividades de baile na rúa, temos o denominado “Comando Danzón”, isto consiste simplemente en xuntarse os bailaríns do COLECTIVO DANZÓN e aparecer nun lugar pÚblico sen determinar para realizar unha exhibición breve de baile, só para que os espectadores vexan unha actividade de danza. Desta actividade realizamos, entre outras, as seguintes sesións: na Praza da Quintana, “Bailoterapia” e “Valse Vienés especial” (cos homes vestidos de muller e as mulleres de home); na Praza do Toural, “Lindy Hop”; na Rúa do Vilar, “Tango"; na Praza Roxa, “Shim sham”. Asimesmo, como consecuencia da constante celebración de actividades na rúa, fomos invitados a participar na Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia (ourense) como grupo de bailaríns romanos.

Quincenas do tango

Durante tres anos consecutivos estivemos celebrando as “Quincenas do Tango”. Nelas, ademais de organizar clases de Tango e folclore arxentino, proxectamos películas de temática arxentina, e organizamos Milongas en distintos locais de Santiago.

Colaboracions Beneficas

O COLECTIVO DE BAILE DANZÓN, como entidade socialmente comprometida, ten participado de forma totalmente altruista en actos organizados por Radio Voz Compostela con fins benéficos: como poden ser as actuacións no Paseo dos Leóns da Alameda de Santiago, ou no Palacio de Congresos; tamén ten participado en eventos a prol de UNICEF en Muros ou colaborado en eventos realizados por outras Asociacions.

Figuración de televisión

O carácter versátil da Asociación (que se reflicte en todo o que facemos) fai que nos invitasen reiteradas veces a participar en programas da Televisión, xa sexa como figuración con bailes de época ou como grupo de baile invitado. Entre os programas nos que participamos están “Luar”, “Tequelexou”, “Galicia para o mundo”, “Supermartes”, “Tardes con Ana”, capítulos de “Pratos Combinados”, etc.

Rafting e cata de viños

Ademais das actividades de baile, o COLECTIVO DANZÓN ten feito actividades como descensos en “rafting” dos rios Tambre e Ulla, así como excursións guiadas a distintos puntos da xeografía galega. Outra das actividades foi a realización de cursos de cata de viños coa obrigada visita ás Bodegas Salnesur.

Festa aniversario

Unha das ultimas actividades realizadas foi a festa do 10º aniversario do COLECTIVO DE BAILE DANZÓN, programáronse actividades durante dous dias que se celebraron no pavillón do Instituto de Pontepedriña e nunha carpa instalada na explanada do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo. As actividades consistiron nunha gran festa “High School”, como as típicas dos institutos americanos nos anos sesenta que podemos ver en peliculas como “Grease”; esta festa celebrouse o dia 11 de outubro pola noite. Logo, o 12 de outubro houbo unha xornada completa adicada ao baile na citada carpa. Este día, ademais dunha xornada gastronómica, realizáronse obradoiros de todo tipo de baile, desde Country a Bailoterapia, pasando por Valses e Polcas, Rumbas, Chachachá,...,.

Copyright © Colectivo Danzón 2007 - R/ Sánchez Freire, nº 105 baixo, Conxo - Santiago de Compostela